Thursday 09 de May de 2024

Maxia e música na semana central do ciclo do Día da Patria Galega en Fene


Co espectáculo “O mago e o ilusionista”, a cargo dos magos Kiko e Román García Pastur continúa esta noite na Praza do Concello de Fene o ciclo do Día da Patria Galega, promovido pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene. A función comezará ás 22 horas, con entrada libre e baixo carpa.

Kiko e Román García Pastur son dous magos con ampla traxectoria no panorama galego desde hai 20 anos. Contan con premios nacionais e internacionais de ilusionismo, e fixeron grandes espectáculos en colaboración cos magos máis importantes do mundo. Tamén son coñecidos como directores artísticos, productores e promotores de diversos shows escénicos no arte do ilusionismo.

A programación do Ciclo do Día da Patria Galega en Fene continuará mañá martes, 12 de xullo, a partir das 20:30 horas co Certame de Habaneiras e Canto Coral no que actuarán as Rondallas Estrelecer e Perla do Río e as corais de Agarimo, San Valentín, Eterna Xuventude e O Pote de Maniños. Tamén actuará o TradiCoro e pechará o concerto Sisters in the house, coro de música moderna integrado exclusivamente por mulleres e fundado na cidade da Coruña no ano 2008, por Carmen Rey (piano, dirección musical e arranxos) e Ángeles Dorrio.

Stevie Wonder, Michael Jackson, Ray Charles ou Beyoncé son algúns dos artistas versionados por estas 20 cantantes galegas que decidiron unir as súas voces para ofrecer un espectáculo tan único coma novidoso na nosa terra. Amais dos clásicos da música negra, no seu repertorio inclúense temas da música popular galega, “arranxados dende unha visión máis actual”.

Sisters in the house está ingegrada por vocalistas de grande talento procedentes de moi diversos estilos (rock, jazz, folk, soul, fusion, etc.). Logo de percorrer boa parte da xeografía galega nestes últimos anos e con grande éxito de público, Sisters in the house publicou en 2014 o seu primeiro traballo discográfico, amais de ser un dos coros elixidos para participar no programa-concurso da TVG “Oh Happy Day”.